FICCIÓNS ANALÓXICAS. O VÍDEO NA GALICIA DOS OITENTA


FICCIÓNS ANALÓXICAS. O VÍDEO NA GALICIA DOS OITENTA



10 xaneiro - 27 abril 2008
Rolda de prensa: 10 xaneiro, 12h / Inauguración: 20h

O artigo de Manuel González Videocreación en Galicia, un iceberg sin base, publicado no catálogo do Festival de Tolosa en 1989, foi unha referencia obrigada á hora de elaborar esta mostra. Aceptando o desafío, propoñémonos escarvar na base daquel iceberg, revisando as propostas, os traballos, os artistas e os axentes dun proxecto que xurdiu en Galicia hai xa máis de vinte anos e que se expandiu con gran forza polo resto do Estado ata alcanzar unha proxección internacional inédita.

Son moitas as preguntas que xorden ao asomarse á base dese iceberg imaxinario –se é que isto é posible– a través dos traballos, os textos e as entrevistas cos protagonistas desa xeración. Sustentábase a creación audiovisual daquela década nunha estrutura produtiva ou foi o inicial pulo experimental e creativo o que contribuíu a urdir a posterior estrutura da industria audiovisual? Nun momento en que a cultura estouraba no conxunto do Estado coa forza dunha pota a presión tras corenta anos á calor dos fogóns da ditadura, toda unha xeración de creadores de moi diversas orixes, cunha traxectoria que se desenvolveu na Galicia dos oitenta, construía o seu discurso –a súa postura ética e estética– experimentando cos novos medios e ferramentas ao seu dispor.

O marco temporal de Ficcións analóxicas é o período comprendido entre 1984, ano de produción dos primeiros traballos de videocreación realizados en Galicia, e 1994. A escolla deste ano como data de corte débese a que en 1995 xa se poden atopar os primeiros traballos producidos por unha segunda xeración de videocreadores que irrompe no panorama da arte en Galicia cunha formación diferente e formulacións artísticas novas.

Naturalmente, aínda dentro deste marco temporal, cinguímonos a un grupo reducido de autores que contribuíron a asentar as temáticas, problemáticas e xeitos de facer que marcaron as liñas de traballo máis significativas dese período. Todos eles principiaron a súa actividade a mediados dos oitenta, coincidindo coa chegada a Galicia dos primeiros equipos, e compartían a necesidade de ensanchar os límites do medio, pero tamén os dos seus respectivos medios de orixe –a plástica, a fotografía, a poesía, o cine–, cunha clara vocación experimental.

Se temos que localizar dous puntos de partida, dous eixes constitutivos do substrato desde o cal vai emerxer a videocreación, estes sitúanse ao lado do traballo colectivo e da idea de modernidade asociada aos movementos artísticos internacionais da acción e o happening. Así, pezas coma Strip-tease, un film didáctico de Manuel Romón ou Homes obxectos de Xulio Correa, aínda que realizadas en formato super-8, funcionaron como referentes deste pulo de experimentación e innovación artística que se había de materializar de forma rotunda coa accesibilidade dos medios videográficos.


Fonte: CGAC

0 comentarios: