MARULA, VJ EN BEIJING






MAYRA VAZQUEZ, "MARULA"


Marula é o nome artístico de Mayra Vázquez, unha videojockey galega que trunfa nos clubs de moda de varias capitais europeas e asiáticas. Falounos do seu traballo dende Beijing, onde vive e traballa como directora de arte da productora Science of Sounds ao tempo que leva a cabo os seus proxectos artísticos.


[16/05/2008] En qué consiste exactamente o labor dun videojockey?
Un videojockey ou vj é unha persoa que mestura vídeos ou imaxes, en tempo real, ao ritmo da música e de acorde cos cambios de intensidade e ritmo desta. Hai que manter unha coherencia que pode vir dada pola temática, pola cor, pola intención ou simplemente polo ritmo. É como realizar un videoclip ou unha película en directo e na que a parte máis interesante, e que non pode faltar, é a improvisación. Un vj, como un dj, pode empregar pezas creadas por terceiros e facer da súa mestura outra obra visual diferente, como un collage de imaxes en movemento. Pero o vj tamén pode xerar o seu propio contido: gravar, fotografar ou xerar imaxes e gráficos con software de creación dixital e logo postproducilo de forma especial para mesturalo en directo. Neste caso o vj convértese tamén en produtor e director das súas propias visuais. Eu atópome máis neste punto.

Semella que son necesarios uns coñecementos tecnolóxicos moi amplos… 
Claro. É un proceso artístico que require moitas horas de traballo e no que é moi importante coñecer o medio e a tecnoloxía coa que traballas. Despois da creación e da producción vén a parte técnica, e hai que saber como darlle saída a todo o que creaches e estar pendente de moitos aspectos que se poden complicar segundo as características do espazo da sesión.

Que tipo de espazos adoitan ser estes?
Poden ser lugares tan diferentes como un club, un museo ou mesmo un desfile. Pero o campo de actuación dun vj non se limita a estes espazos senón que se estende a outras moitas facetas comerciais como pode ser a publicidade, eventos públicos, presentacións... Cada vez son máis os artistas que se aproximan a esta disciplina para amosar as súas creacións como fotógrafos, músicos, performers, directores de cine…

Como chegaches ti a ser videojockey? 
Son vj desde hai tres anos. Foi un proceso natural no que se uniu a miña paixón pola música, as novas tecnoloxías e a imaxe coa necesidade interior que tiña de ensinar o que fago. E todo isto engadido co gusto que me produce a improvisación artística en directo. Ao pouco tempo de facer as miñas primeiras actuacións contratáronme para unha xira de Toyota e logo para outra de Samsung. Alí aprendín a montar eventos visuais de certa consideración e a enfrontarme a máquinas que nin coñecía, e isto sen deixar de lado os meus proxectos persoais. Hai dous anos, antes de trasladarme a Beijing, comezara tamén a traballar en Barcelona con Delacrew, onde entrara en contacto con vjs, artistas e músicos cos que aprendín moito en canto á técnica.

Cando entraches en contacto coas novas tecnoloxías como forma de creación?
Empezara a carreira de Belas Artes en Sevilla pero, pasados dous anos, vin que non me interesaba saber debuxar, pintar ou esculpir. Daquela decidín cambiar a unha facultade moito máis contemporánea na que puidese coñecer un mundo artístico máis actual, que incluíse as novas tecnoloxías como ferramenta de expresión. Así, especialiceime en deseño, multimedia e net.art e para mostrar os meus traballos artísticos comecei a empregar tamén o vídeo. E desde entón.

Que lle achega a rede ao teu proceso creativo? 
Frescura, e a posibilidade de coñecer e participar en proxectos de todo o mundo e intercambiar con xente de todo o mundo ideas e coñecementos. Tamén podo vivir e taballar en Beijing e facer proxectos para calquera parte do mundo.

Con todo, o a maior satisfacción é á hora de ensinar o meu mundo persoal e o resultado do meu traballo. A maioría dos meus proxectos nacen por un contacto na rede. Con Internet é como poder ir ao estudo de quen queiras, onde queira que se atope e chamar á súa porta, mentres tomas un café.

Dende o meu punto de vista, as redes sociais que xerou a web 2.0 é o mellor que lle pasou a internet nos últimos anos, tanto social como artisticamente.

E como te organizas con tantas posibilidades?
Unha parte da miña xornada de traballo dedícoa a navegar por internet e ver novos proxectos que me inspiran e animan. A outra xa é para escribir e contestar correos electrónicos, actualizar o myspace, os vídeos que teño colgados na rede, a miña bitácora... e a coñecer a outros vjs. Encántame estar en contacto con outras persoas que fan o mesmo ca min.

Cara onde cres ti que avanza a converxencia das tecnoloxías da comunicación coa arte?
Cara outra difusión da arte, moito máis democrática e menos elitista. Xa non é necesario estar nun museo para que a xente coñeza a túa obra.

Ademáis, a arte, grazas ás tecnoloxías da comunicación tende a ser moito máis comunicativo e máis aberto, baseándose no intercambio de ideas e proxectos comúns. Isto fai que xurdan incluso outras formas de expresión baseadas nas tecnoloxías da comunicación como arte en sí mesmas, como poden ser o software.art ou a arte xenerativa.

Se tiveses que deseñar un software ideal para a túa actividade, como sería? 
Sería algo menos físico, un software e un hardware que traducise os pensamentos e as emocións en gráficos que eu puidese manipular. Parece algo de ciencia ficción pero pódese facer, a unión entre a informática, a ciencia e a arte é a mellor combinación.

Que importancia ten Internet na túa vida persoal? 
Para min é imprescindible. A miña vida persoal compleméntase perfectamente coa vida dun usuario de internet. Teño relacións vía internet que valoro tanto como na vida ‘física’. A isto hai que sumarlle que podo vivir e traballar en calquera parte do mundo, coñecendo novas culturas e referencias, e ao mesmo tempo manter o contacto coa miña xente.

O meu mozo e eu coñecémonos por internet, eu estaba en Londres e el en Barcelona e a través de correos electrónicos, comentarios en bitácoras e subidas e baixas de arquivos xurdiu o amor. Con isto creo que sobra dicir nada máis non?


Fonte: http://www.maisinternetmaisgalego.org/

máis info:
www.marula.es
http://www.vimeo.com/marula
http://www.myspace.com/marula_

http://www.elpais.com/articulo/Galicia/Marula/suena/elegante/Pekin/elpepuespgal/20080421elpgal_14/Tes

0 comentarios: