Rubén Coca
Director, produtor e músico, Rubén Coca (Ferrol, 1977) tense convertido nun dos creadores máis destacados da curtametraxe galega. O 3 de outubro estreará o seu último traballo Mínimo común múltiplo 2.0 no marco do MÍVICO'08.
Esta é a súa sexta curta, en que consiste?
O proxecto iniciouse hai un ano ao redor da idea de definir o amor de xeito matemático. Co tempo adquiriu uns matices diferentes e acabou converténdose nunha historia de suspense. Foi rodada en Ferrol nun fun de semana de decembro con actores galegos. A protagonista é Marta Larralde, cunha actuación brillante.
Con respecto aos seus anteriores traballo, que ten esta fita de novidoso?
Cada vez que fago unha curta gústame romper co anterior e aplicar o que aprendín nese tempo. Pero non o fago de xeito premeditado, sae espontaneamente. Cada certo tempo tento rexenerarme e reciclarme persoalmente e as curtas son simplemente un reflexo de todo iso.
Caer na historia tópica de amor semella sinxelo, o complicado é facer unha película sobre o amor que sorprenda ao público. Como xorde este proxecto?
Moitos dos traballos que fago xorden coa intención de contar un segredo a alguén. Tento xogar coa información, dosificala. Nesta ocasión fuxín do manido para presentar unha estrutura de puzzle, ofrecéndolle ao espectador pequenas pezas de aquí e de alá para que despois el montase a historia. No meu caso a intención comunicativa máis alá da formulación convencional, busco sempre o xogo narrativo.
De que saúde goza o audiovisual galego?
Son director pero tamén produtor por iso me resulta difícil abordar o tema. Como director teño unha opinión ben distinta da que teño como produtor. En xeral, hai moita xente boa que está a traballar. Percíbese un interese por producir e por que exista variedade de produtos. Pero boto en falta un pouco de risco, que esteamos todos unidos e que se vexa Galiza como un lugar no mundo e non coma un lado de España. Temos moitos complexos, non só no audiovisual. Detecto tamén falta de apoio por parte das produtoras aos novos valores. Están pendentes de nós, pero no canto de pensar atraparnos na dinámica produtora, deberían apostar con confianza polos nosos proxectos. Gustaríame ver máis xente facendo curtas non como un paso previo para rodar longas.
Pensa que o número de traballos que se fan en Galiza non é demasiado elevado para que o mercado o asimile?
Gústame que haxa opción para todo o mundo. Pero o certo é que cómpre apoiar os proxectos que poden chegar a algo máis que facer por facer, primar a calidade antes que a cantidade. Cando comecei a facer curtas eramos catro pelagatos. Lémbrome que era visto como moi raro. Agora hai moitas escolas e festivais por todo o país. Explotou o número de xente que fai curtas pero o mercado segue sendo o mesmo, cando non peor. Este é o maior inconveniente, que todas as producións se poidan ver de xeito digno e que haxa un contacto directo co público.
Vén de rodar o guión gañador de Curtocircuito, pero, en que proxectos está traballando agora?
Estou en Ferrol montando uns ciclos de cine. Tamén traballo na posta en marcha duns estudios de gravación de cine. Fago ademais videoclips de grupos galegos e tamén estou traballando nun proxecto de animación con Víctor Coyote cun texto de Lucía Etxebarría.
0 comentarios:
Publicar un comentario