Grande estrea de Mínimo común múltiplo

Calurosa acollida da curta 'Mínimo común múltiplo 2.0', de Rubén Coca, na súa estrea no MIVICO'08

Máis dun centenar de persoas aplaudiron a película no acto que serviu ademais para inaugurar a II Mostra Internacional de Videocreación do Condado

Onte estreouse no Centro Artístico Sportivo de Ponteareas Mínimo común múltiplo 2.0 con gran éxito de público. Máis dun centenar de persoas acudiron ao acto que serviu ademais para abrir a programación da II Mostra Internacional de Videocreación do Condado, que este ano desenvolverase até o domingo 5 de outubro.

A curtametraxe (sexta da filmografía do director ferrolán) narra a historia de Andrea (Marta Larralde), unha moza de 30 anos que vive instalada nunha rutina laboral e sentimental que se esnaquizará no momento máis insospeitado. Coca aposta con este filme por unha historia de amor contada en clave de suspense.

Mínimo común múltiplo 2.0
, que foi rodada integramente en Ferrol e na que participan os actores Alex Neira, Marta Larralde, Lourdes Sanmartín, Xoel Fernández e Tomás Romero, tende unha ponte entre a madurez e o mundo da infancia. En palabras do seu director “é unha película de recordos da nenez e de encontro coas amizades infantís perdidas co paso do tempo envolvido todo nunha atmosfera de misterio e de suspense”.

Tras a estrea, o festival trasladouse o seu espazo de actuación ao Pub Flower, onde actuou o grupo portugués Sean Riley & The Slowriders, que puxeron en escena un repertorio dacabalo entre entre o country e o pop máis actual.

O eixe central da mostra terá lugar hoxe a partir das 18 horas coa posta en marcha das sesións (hora e media cada unha) nas que se proxectarán os preto de cincuenta traballos a concurso. Entre as películas que se pasarán até as 23:30 figuran os documentais Bata por fóra, unha oda a prenda de vestir máis empregada en Galiza, a videocreación Una fosa común, realizada cunha técnica mixta de animación, a multipremiada 1977, da directora Peque Varela, a proposta de Limoncello ou Taxi, a curta protagonizada por Luís Tosar.

A xornada de hoxe rematará no Salón Parroquial co concerto da banda portuguesa U-Clic. Así, o festival reafirma o seu compromiso coa música emerxente e estreita vínculos entre a escena actual galega e a portuguesa.

Mañá domingo 5 de outubro, a partir das 21:30 e tras as proxeccións da tarde, daranse a coñecer os gañadores das tres categorías estabelecidas, é dicir, a de Mellor Curtametraxe, Mellor Documental e Mellor Videocreación, cunha dotación económica de 400 euros cada un. Os premiados recibirán ademais un 'Miviquiño', as creacións realizadas para o festival pola artista gráfica Noelia Outeda.

1 comentarios:

Anónimo dijo...

¿Quién ganó al final?

¿Podéis colgar el palmarés?