MÍVICO, é un proxecto, unha mostra, un experimento, unha festa...onde interactúan distintas manifestacións artísticas que atopan o seu punto de cohesión na experimentación e exploración visual: a videocreación, o videoarte.
O festival ofrécelle ao espectador a posibilidade de achegarse a un espazo de expansión da cultura audiovisual máis alternativa e independente, sendo o MÍVICO unha canle aberta de divulgación dun discurso e dunha filosofía artística de forte impacto perceptivo.
O panorama audiovisual vive ancorado nun modelo comunicativo, nun discurso estético que anula parcialmente a imaxinación, a abstracción conceptual, basando a súa narración nunha representación obvia e recoñecible da realidade.
O videoarte rompe co código narrativo preestablecido centrándose nunha dinámica visual moito máis fiel aos elementos que a forman, LUZ, SON E MOVEMENTO. Deste xeito a obra ten un carácter moito máis suxerinte, menos concreto, despertando a sensibilidade emocional de quen observa.
A desestructuración da realidade que coñecemos lévanos a unha recomposición dos elementos que a forman, polo que o espectador non é pasivo, mantén unha relación constante coa obra que contempla dándolle forma.
MÍVICO, informa, difunde, comparte tódolos traballos que participan na mostra, creando para isto diferentes espazos:
Proxeccións
Itinerancias
Exposicións
Concertos
Performances
Workshops
centrando a maior parte da súa actividade no primeiro fin de semana de Outubro, nas instalacións do Centro Artístico Sportivo de Ponteareas.
0 comentarios:
Publicar un comentario