Curtas galegas no mundo


PEQUE VARELA ELABORA A MEMORIA 'ANIMADA' DE CARANZA
Trinta anos de lembranzas dunha infancia vivida no barrio ferrolán de Caranza e a súa contorna, recóllense en "1977", a curtametraxe de Peque Varela que triunfa en todo o mundo e chega a Ferrol a vindeira semana. O Ateneo Ferrolán organiza entre o 26 e o 28 de decembro as II Xornadas de Curtametraxe, durante as que se pasará esta peza seleccionada para o festival de cine independente de Sundance, en Estados Unidos.
'Caranceira' para toda a vida. Así se define a realizadora ferrolá Peque Varela, que coa súa primeira curta está a colleitar todo tipo de parabéns. '1977' pasouse xa en teatros de Estados Unidos, Turquía, Polonia, Suecia e Francia, entre outros países e en xaneiro acudirá ao festival galo de Clermont-Ferrand, o principal festival de curtametraxes no mundo. Malia este currículo, '1977' tivo unha estrea de aínda maior privilexio: foi no Colexio Manuel Masdías de Caranza este marzo pasado.
Peque Varela marchou a estudar a Londres cando lle era tempo de iniciar os estudos universitarios. Alí puido facer o que desexaba: adicarse ao mundo audiovisual. A súa formación de anos resúmese nesta peza de 8 minutos de duración, unha curta animada transida de morriña pola infancia en Ferrolterra.
A realizadora confesa que non seguíu un método tradicional para rodar o seu proxecto. Retornou por un tempo a Galicia e, partindo de ideas básicas, deixouse levar polas impresións que lle procurou atoparse de novo co son das gaivotas e o mar en Ares. Trouxo consigo a cinco persoas e durantes uns días gravaron libremente por terras de Ferrol e Santiago.
O resultado daqueles apuntes foi animado e retocado a man e con ordenador, ata dar forma a '1997'. Esta peza, a memoria sentimental e debuxada dunha 'caranceira', poderase ver no Ateneo de Ferrol a vindeira semana.
Autor. : Manuel Álvarez Moreira

0 comentarios: