Os Crebinsky, un bo filme para o 2009

O universo dos Crebinsky expándese e a curta que os deu a coñecer si que quedou, finalmente, curta. Por iso agora Luís Tosar, Miguel de Lira, Sergio Zearreta e Celso Bugallo están a rodar a longametraxe Os Crebinsky nos arredores de Santiago, pero tamén en Ortegal e Portomarín, onde rematará a gravación a principios de novembro.

Para quen non os coñeza, os Crebinsky son dous irmáns creados por Enrique Otero e Miguel de Lira, aínda que a historia llelos atribúe ao piloto ruso Vladimir Crebinsky e a galega María Cribeiro. Os rapaces quedan orfos e aínda por riba a súa aldea vese asolagada por unha chea do río, polo que se trasladan a vivir coa súa vaca preto do mar. Alí sobreviven recollendo as crebas, os obxectos que o mar deposita na area. A súa prácida existencia complícase coa chegada duns saqueadores e cando se ven enredados na guerra. A historia xorde da evolución deses dous personaxes protagonistas da curta que en 2005 levou un premio do Festival de Cine de Valladolid. O director desta comedia, Enrique Otero, defínea como "unha road movie" na que os dous irmáns guiados pola súa vaca van descubrir a aldea da que proceden. Todo isto ambientado no ano 45, en plena febre do wolfram que atrae ao país americanos e alemáns. De aí que o filme estea gravado en cinco linguas, principalmente en galego, pero tamén en alemán, inglés, algunha frase en ruso pronunciada polo pai dos Crebinsky e a "linguaxe vaca", indica o responsable da produtora Control Z. O novo cantante de Lamatumbá, Sergio Zearreta, e Miguel de Lira dan vida a estes dous irmáns. Completan o elenco Celso Bugallo, Manuel Cortés, Manuel Lourenzo, Iolanda Muíños, Patricia de Lorenzo e Xesús Ron, entre outros.

De Lira, ademais de actor e co guionista do filme, implicouse tamén na produción a través de Cabo San Lourenzo Producións. Semella que a idea lle entusiasmou tamén a Tosar, quen se sumou ao proxecto a través da súa produtora, Zircocine. Trátase por tanto dunha produción 100% galega a tres bandas -Control Z, Cabo San Lourenzo e Zircocine-, coa axuda da Consellería de Cultura e do ICAA do Ministerio de Cultura.

´Crebinsky´, dirixida por Enrique Otero, afronta a súa derradeira semana de rodaxe

29-10-2008 

A rodaxe de OS CREBINSKY, acada a súa sexta e derradeira semana en localizacións exteriores en Santiago de Compostela e interiores no Porto de Espasante (Ortigüeira). A filmación da película, coproducida polas factorías galegas Control Z, Cabo San Lourenzo e Zircozine, desenvolveuse asemade nos concellos de Mañón, Silleda e Portomarín desde mediados de setembro de 2008.

2

Crebinsky é a historia de dous irmáns, Feodor e Mihail Crebinsky que sobreviven, canda a súa vaca, coas cousas traídas polas mareas que apañan na costa, as "crebas". A súa existencia complícase cando se ven enleados na Segunda Guerra Mundial, en medio dun absurdo episodio bélico que provocou que o desembarco dos aliados, que se ía efectuar fronte ás nosas costas, se desprazase finalmente cara á Normandía. Inician, entón, e guiados pola súa vaca, unha viaxe existencialista que os levará ata a súa orixe.

Crebinsky está dirixida por Enrique Otero e protagonizada por Miguel de Lira, Sergio Zearreta, Patricia de Lorenzo, Celso Bugallo, Luís Tosar, Manuel Cortés e Iolanda Muíños. Enrique Otero e Miguel de Lira asinan o guión.

Fonte:

O Correo Galego

Axencia Audiovisual de Galicia

0 comentarios: