PLAY-DOC en Tui


‘MANUEL E ELISA’ E ‘PARIS#1’, MELLORES GALEGAS
‘Intimidades de Shakespeare e Víctor Hugo’ mellor longametraxe do Play-Doc

 A directora mexicana Yulene Olaizola que presentaba o documental 'Intimidades de Shakespeare e Víctor Hugo' é a ganadora na categoría de largometraxe documental de Play-Doc 2009. O premio de curtametraxes recaeu en 'Cyanosis' mentres que o de mellor produción galega compárteno ex aequo ‘Manuel e Elisa’ e ‘Paris#1’.



Así o decidiu o xurado composto por Georgi Lazarevski, Jiska Rickels, Jose Luís Losa e Miquel Martí Freixas. No caso de Intimidades de Shakespeare e Victor Hugo o xurado destacou da directora "saber crear unha atmosfera e dosificala con diversidade de recursos técnicos e narrativos" así como "a súa destreza para construír un clima de suspense e desvelar a identidade dun personaxe entre luces e sombras".

A dotación do premio e de 5.000 euros e o trofeo Play-Doc, unha pequena escultura en pedra do artista tudense Juan Vázquez. Nesta categoría o xurado tamén acordou outorgar unha mención especial a Amores Cegos do eslovaco Juraj Lehotsky "pola súa mestura poética entre ficción e documental. Ademais destacouse a sensibilidade do director no seu achegamento a un xeito diferente de ver o mundo".

Na sección de cortometraxes, o premio recaeu na película Cyanosis da iraniana Rokhsareh Ghaemmagami, que en opinión do xurado conseguiu transmitir no seu documental "unha gran pericia na fusión da animación dentro dun documental e polo seu xeito de transmitir unha tensión latente nun ámbito social".

Na sección dedicada aos documentais galegos, que este ano tivo unha gran acollida entre o público, o xurado decidiu outorgar o premio de forma compartida a Manuel e Elisa, de Manuel Fernández Valdés e a Paris # 1 do director Oliver Laxe. Da primeira das obras destacouse "a liberdade creativa, nada habitual nunha ópera prima". Mentres que do traballo de Oliver Laxe subliñouse "a coraxe da súa interpretación da linguaxe cinematográfica".

Os premios foron entregados no marco da gala de clausura desta quinta edición de Play-Doc, na que ademais os espectadores puideron asistir a un pequeno concerto de Uxía, que interpretou en directo un tema do seu último traballo sobre imaxes do director Mario Iglesias.
Fonte: A Nosa Terra

0 comentarios: